[A COLECTIVA] Comunicado

AS ASOCIACIÓNS PROFESIONAIS DAS ARTES VISUAIS PRESENTAN UN RECURSO ADMINISTRATIVO ANTE O PROCESO DE DESIGNACIÓN DA DIRECCIÓN DO CGAC

As asociacións profesionais máis representativas do sector das artes visuais do contexto autonómico e estatal, presentan recurso administrativo contra o procedemento de provisión da dirección do CGAC polo sistema de libre designación.

As asociacións profesionais representativas do sector artístico e cultural galego e estatal, asinantes deste comunicado, acordaron interpoñer un recurso de reposición fronte a resolución do procedemento de provisión do posto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), ao considerar que o proceso presenta graves deficiencias desde o punto de vista da transparencia, as garantías procedementais, o respecto ás boas prácticas na xestión das institucións culturais públicas e os intereses profesionais da comunidade artística.

O recurso presentado polas asociacións profesionais defende a nulidade radical do acto de nomeamento da nova dirección do CGAC, así como da convocatoria para a provisión do posto polo sistema de libre designación, por ser actos que lesionan a liberdade fundamental de produción e creación artística e que, en contra do ordenamento xurídico, conceden dereitos e facultades a quen carece dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

Esta actuación responde á preocupación compartida por un amplo número de profesionais e entidades do sector ante un procedemento que, lonxe de reforzar a confianza nas institucións culturais, xerou unha fonda crise de credibilidade en torno a un dos principais centros de arte contemporánea de Galicia.

A decisión de recorrer a resolución administrativa non obedece unicamente á vontade de revisar un procedemento concreto, senón á necesidade de defender un modelo de gobernanza cultural baseado na autonomía das institucións, a profesionalización dos seus órganos de dirección, a transparencia nos procesos de selección e o respecto aos principios de mérito, capacidade e concorrencia.

O recurso presentouse formalmente por unha única asociación, por esixencias do propio procedemento administrativo. Porén, esta actuación conta co respaldo expreso das asociacións asinantes, que participan conxuntamente no seu impulso e financiamento como expresión dunha posición compartida do sector profesional.

As asociacións consideran imprescindible que a designación das direccións das institucións culturais públicas responda a procedementos abertos, obxectivos e avaliables, aliñados cos estándares nacionais e internacionais de boas prácticas e cos principios de independencia respecto de calquera inxerencia política na xestión cultural.

A situación vivida no CGAC pon de manifesto a necesidade de abrir un proceso de reflexión sobre os modelos de gobernanza das institucións culturais galegas e do sector en xeral.

Un sector que vén reclamando, desde hai anos, unha maior participación da comunidadeprofesional nos órganos de decisión, mecanismos efectivos de rendición de contas e marcos de xestión que garantan a estabilidade, a autonomía e o interese público destas institucións.

A presentación deste recurso constitúe, por tanto, unha actuación responsable e proporcionada orientada a defender o correcto funcionamento das institucións públicas e a contribuír a que os procesos de selección se desenvolvan con todas as garantías xurídicas e profesionais esixibles.

As asociacións asinantes reiteran a súa vontade de diálogo coas administracións públicas e a súa disposición a colaborar na construción de modelos de xestión cultural máis transparentes, participativos e independentes, acordes coa importancia que as institucións culturais teñen para a cidadanía e para o conxunto do ecosistema artístico galego.

PARA AMPLIAR ESTA INFORMACIÓN CONTACTAR CON:

  • contacto@acolectiva.gal
  • falavegliota@gmail.com

O presente comunicado está asinado polas seguintes asociacións:

  • A COLECTIVA. Asociación Profesional de Artistas de Galicia.
  • CONTEMPORÁNEA. Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia.
  • VEGLIOTA. Asociación Cultural Vegliota.
  • AGPXC. Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
  • AGPI. Asociación Galega de Profesionais da Ilustración .
  • DAG. Asociación Galega de Deseño.
  • IAC. Instituto de Arte Contemporáneo.
  • CONSORCIO DE GALERÍAS DE ARTE CONTEMPORÁNEO.
  • MAV. Asociación de Mujeres en las Artes Visuales.
  • UNIÓN AC. Unión de Artistas de Arte Contemporáneo de España.
  • ADACE. Asociación de Directoras y Directores de Arte Contemporáneo de España.
No Comments

Sorry, the comment form is closed at this time.