12 Ago Almorzo de Prensa Aberto 2024 en Sar53
O pasado 12 de agosto celebrouse o almorzo de prensa que marca o pistoletazo de saída para Aberto, o evento que desde hai catro anos inaugura a tempada artística en Galicia. A presentación contou coa intervención de Luisa Pita, presidenta da asociación Contemporánea e directora da galería Luisa Pita, e Lucía Carballeda, directora da galería Dupla. Ambas son coordinadoras desta iniciativa que reúne as nove galerías integrantes da asociación na Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo.
Na súa intervención, Luisa Pita subliñou a importancia da unión e a cooperación entre as galerías participantes: “En Contemporánea entendemos que xuntos somos máis fortes. Este espírito de cooperación e apoio mutuo permitiunos non só medrar como galerías individuais, senón tamén consolidarnos como un colectivo cunha identidade forte e coherente.” Pita destacou tamén o papel fundamental dos patrocinadores, agradecendo especialmente a Sar53, á Xunta de Galicia e a Hijos de Rivera: “Nada disto sería posible sen o apoio dos nosos patrocinadores, que foron esenciais para que Aberto siga medrando ano tras ano.”
Lucía Carballeda falou sobre a súa experiencia persoal como a incorporación máis recente ao proxecto: “Eu fun a última en unirme ao proxecto de Contemporánea, pero dende o primeiro momento sentín que encaixaba perfectamente nesta iniciativa. Dupla é o exemplo perfecto para demostrar o bo funcionamento de Contemporánea e as fortalezas da nosa asociación.” Ademais, presentou os detalles de Aberto 2024, enfatizando o carácter festivo do evento: “Esta inauguración conxunta de todas as galerías é máis ca unha simple apertura; é unha auténtica festa da arte contemporánea en Galicia.”
Aberto comezará oficialmente o 19 de setembro coa inauguración simultánea das nove galerías de Contemporánea, e promete ser unha cita ineludible para os amantes da arte en Galicia. Carballeda engadiu: “Queremos convidar ao público a un percorrido artístico pola nosa comunidade, rompendo barreiras e amosando que a arte é accesible, próxima e unha fonte de gozo e reflexión para todos.”