Comunicado oficial Contemporánea – CGAC

Comunicado oficial de Contemporánea. Asociación de

Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia.

Dende Contemporánea, Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, consideramos importante manifestar a nosa preocupación polo procedemento empregado para a designación da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que derivou na elección dunha candidata que, ao noso parecer, non reúne os requisitos imprescindibles para dirixir unha institución que é o buque insignia das artes plásticas contemporáneas na nosa comunidade.

Consideramos que a dirección dun centro destas características debería responder a un proceso aberto, transparente e competitivo, baseado na avaliación pública de méritos, traxectoria profesional e proxecto institucional. O modelo finalmente aplicado, restrinxido a mecanismos de libre designación no ámbito da función pública, limita a participación de profesionais con ampla experiencia na xestión, investigación, produción e internacionalización da arte contemporánea. Ao noso entender, este procedemento non garante a mellor selección posible para a dirección dunha institución de referencia e da relevancia do CGAC.

O tecido artístico galego leva décadas construíndo un contexto profesional plural e conectado cos debates e prácticas contemporáneas internacionais. Nese proceso, as galerías de arte desenvolvemos un papel esencial no acompañamento aos artistas, na creación de públicos, na circulación da creación galega e na proxección exterior do noso sistema cultural. Entendemos, por tanto, que as institucións públicas deben favorecer modelos de gobernanza acordes cos estándares de boas prácticas recoñecidos no ámbito estatal e europeo.

Dende Contemporánea defendemos a necesidade de reforzar a autonomía, estabilidade e excelencia profesional das institucións culturais galegas, garantindo procesos que xeren confianza no sector e que contribúan ao fortalecemento do prestixio do CGAC como espazo de referencia para a creación contemporánea. Sumámonos así ás recentes declaracións do Colectivo Vegliota e ao sentir xeral do sector.

Por todo isto, solicitamos á Consellería de Cultura a apertura dun espazo de diálogo directo coas entidades profesionais, co obxectivo de escoitar as demandas formuladas e explorar posibles solucións.