Galería Nordés

Galería Nordés

Santiago de Compostela
Rúa Algalia de Abaixo 39, bajo

Exposición:

“A obxección de Ernst Mach á liña do horizonte (de eventos)”

Artistas participantes:

Rubén Ramos Balsa
21 de setembro – 17 de novembro
Horario durante Aberto Galicia
Inauguración: 21 de setembro ás 19:30 h (presentación do artista ás 20:00 e ás 21:00 h)
Venres 22 de setembro: de 12:00 a 19:00 h
Sábado 23 e domingo 24 só con cita previa

“A obxección de Ernst Mach á liña do horizonte (de eventos)”

A obxección de Ernst Mach á liña de horizonte (de Eventos), é a primeira exposición individual en NORDÉS do artista Rubén Ramos Balsa (Santiago de Compostela, 1978; residente en Singapura) onde presenta en primicia unha pequena parte do Librario que é, nas súas propias palabras, o seu proxecto vital máis importante e extenso, tamén o máis persoal e íntimo.

 

O Librario defínese “como caixas e maletas con obxectos e libros”. Trátase dun proxecto onde o artista mantén activo o seu constante traballo de investigación que, de modo xeral, trata diversos temas desde o privilexiado enfoque que permite a visión dual de arte e ciencia. O Librario é un proxecto entre o literario e o escultórico, entre o gráfico e o xeométrico.

 

O tema e motivo central desta exposición, tamén a razón da creación do Librario como estrutura de investigación, é o descubrimento do senegalés Oumar Haidara Fall, co que leva colaborando desde o ano 2006.

 

Nesta exposición móstranse o seu últimas catro obras en formato fotográfico acompañadas doutras anteriores que o autor seleccionou como vínculo da continuidade temática da súa obra: unidade, repetición e simetría. Con elas crea unha narrativa visual en diálogo coa súa nova serie de debuxos, a través dos cales expón a liña condutora do tema da exposición. Entre imaxes e debuxos constrúese unha relación poética, definida a través de títulos elaborados durante anos, que son para o artista o material principal da ideación do seu traballo e a base fundacional do Librario.

 

As profundas relacións conceptuais entre arte e ciencia que Rubén Ramos afai mostrar, aparecen nas obras desta exposición definidas no que el declara como o seu único obxectivo intelectual: o de evidenciar a vixencia e pertinencia da obxección de Ernst Mach á demostración da Lei da panca de Arquímedes; equiparando, desde unha perspectiva histórica, a xeneralidade da Lei da panca, ao que para a ciencia supuxo, o V Postulado de Euclides, isto é, un axioma de aparente evidente, demostrable pola vía dos feitos, pero cuxa revisión e refutación permitiu abrir o coñecemento científico a unha nova comprensión do espazo.

 

Segundo declara, o proxecto Librario é un proxecto de carácter esencialmente postal, de comunicación entre dous puntos, pois, segundo afirma o artista, a intelixencia –do mesmo xeito que a comunicación– só se poden comprender como algo que ocorre entre dous cerebros, xa que reducila á idea endóxena dunha soa mente pensante lévanos a paradoxos irresolubles das que a nosa cultura debe desprenderse.

 

Neste sentido, a exposición serve para presentar ao público o diálogo establecido entre o artista español e o científico senegalés, pero tamén, a través da obra mostrada, o froito dese traballo trasládase como comunicado en forma de cartas abertas a algúns dos seus mestres e referentes intelectuais; tal e como podemos ver de maneira explícita na peza principal da exposición. Unha maleta convertible en moble que serve aberto, tanto de repisa para o obxecto contido no seu interior –o artefacto inventado por Oumar Haidara–, como de aparador dunha vídeo proxección, a cal, emite as vídeo-cartas públicas dedicadas, neste caso, a Esther Ferrer e Juan Fernando de Laiglesia.

 

Por último, exponse unha maleta-caixa con 64 mini libros, dedicada e en homenaxe ao seu antigo profesor e Catedrático de Escultura na Universidade de Vigo anteriormente mencionado, Juan Fernando Laiglesia.

Rubén Ramos Balsa (Santiago de Compostela, 1978) reside en Singapura desde 2014.

 

Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Pontevedra na Especialidade de Escultura no ano 2001. Realiza estudos de doutoramento entre os anos 2001 e 2003 na Universidade de Vigo e na Universidade Politécnica de Valencia. Como formación complementaria asiste a cursos impartidos polo cineasta José Luís Guerín e por artistas como Mariña Abramovic, Joan Fontcuberta, Esther Ferrer, entre outros.

 

Desde un primeiro momento, o seu traballo é recoñecido e apoiado por diferentes institucións públicas e privadas, gozando de numerosas bolsas e residencias como a Bolsa Sócrates-Erasmus na Kuopio Academy of Desing and Crafts de Finlandia; Bolsa para Proxectos do INJUVE (Comunidad de Madrid) ou a Bolsa de Posgrao da Fundación Barrié de la Maza, entre outras.

 

Tamén cabe destacar premios como o 1º premio no III Premio Auditorio de Galicia de Artes Plásticas de Santiago de Compostela (2003), 1º Premio no Concurso de Fotografía Purificación García de Madrid (2003) etc.

 

Ao longo da súa traxectoria, expuxo en museos, institucións e galerías tanto nacionais como internacionais: MAC (A Coruña); National Museum of Singapore (Singapore); Lle Parvis. Centre d’art contemporain (Francia); Kunst-Palast Museum (Dusseldorf, Alemaña); Museo MARCO (Vigo); Instituto Cervantes (Beijing, China); LOOP 04 (Barcelona); Galería Fúcares (Madrid/Almagro); Galería F2 (Madrid); Galería Mario Sequeira (Braga); CGAC (Santiago de Compostela); Centro Torrente Ballester (Ferrol); Artificial-Image show room (Berlín), ou na Kuopio Academy of Desing and Crafts de Kuopio (Finlandia).

 

No ano 2007 participa representando a España –xunto con José Luis Guerín e Manuel Vilariño– no Pavillón español da Bienal de Venecia comisariado por Alberto Ruíz de Samaniego.