23 Out O festival Intersección abre unha sección con Contemporánea
Contemporánea contou este ano cunha sección en Intersección, o festival de arte audiovisual contemporánea que se celebrou na Coruña entre o 28 de outubro e o 1 de novembro.
O certame presentou unha pequena mostra con pezas propostas por cinco das oito galerías que forman a Asociación. Unha selección intimista que fala, desde perspectivas diversas, da memoria, o pensamento a linguaxe, o aillamento e os espazos onde todas estas situacións conflúen.
A galería Vilaseco presentou ‘Sol vermello’, de Lois Patiño. Metro levou o proxecto ‘Horizonte’ de David Catá. Luisa Pita, ‘Caligine’, de Sandra Carvalho e Felipe Ortega. A galería Nordés exhibiu ‘Post Ford Palace 2020 (Para ninguém ver)’, de Rubén Santiago. E a galería Trinta levou unha peza de Manual Saiz, ‘SUBTÍTULOS (Saber sin estudiar)’.
Premio na sección ‘Galicia’
Contemporánea tamén outorgou un premio dentro da sección ‘Galicia’. A peza ‘ Oito’, de Berio Molina e Alexandre Cancelo, gañou o galardón “pola súa gran capacidade experimental e expresiva a través do son, a linguaxe e a luz, conseguindo, cos mínimos medios, xerar unha suxestiva paisaxe sonora e unha estética visual potente e sutil á vez”. O premio consiste na exhibición da obra premiada nalgunha ou algunhas das galerías asociadas nos próximos meses.