24 Set Presentamos a segunda edición de Territorio Contemporánea
A mostra reúne en Santiago de Compostela unha selección das propostas das nove galerías de Contemporánea e establece novos diálogos entre artistas das galerías e da Colección ABANCA
ABANCA e Contemporánea, Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia, presentaron hoxe no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela a segunda edición de Territorio Contemporánea, unha iniciativa que volve poñer en diálogo o traballo das galerías galegas coa Colección ABANCA.
A presentación contou coa participación de Diego Cascón, director artístico da Colección ABANCA e comisario da mostra, e Lucía Carballeda, presidenta de Contemporánea, así como coa presenza de representantes das galerías e dos equipos que participan no proxecto.
A nova edición mantén a estrutura da presentada o ano pasado e ocupa as dúas plantas do espazo de ABANCA na Praza de Cervantes. A planta baixa reúne unha selección das propostas de apertura de tempada das nove galerías que forman parte de Contemporánea, mentres que a planta superior formula un diálogo entre artistas representados polas galerías e artistas pertencentes á Colección ABANCA.

Durante a presentación, Diego Cascón destacou o valor desta colaboración como unha forma de achegar ao público de Santiago a actividade das galerías das diferentes cidades galegas. Neste sentido, sinalou o papel de Santiago como punto de encontro e conexión entre os distintos espazos que forman parte de Contemporánea e puxo en valor a relación de ABANCA co tecido artístico e galerístico de Galicia.
A planta baixa presenta unha selección de artistas vinculados ás propostas que as galerías desenvolven no marco de ABERTO’26: Hugo Alonso, por Dupla; Juan Adrio, por Luisa Pita; Héctor Francesch, por Moret Art; Román Corbato, por Néboa; Tamara Feijoo, por Marisa Marimón; Anna Turbau, por Nordés; Gabriel Borba Filho, por PM8; Francisco Mendes Moreira, por Trinta; e Enrico Della Torre, por Vilaseco.
Para Lucía Carballeda, esta segunda edición supón a continuidade dunha colaboración que comezou o ano pasado e que permite “atoparnos” arredor da arte contemporánea. A presidenta de Contemporánea destacou especialmente a importancia de que institucións e galerías poidan construír proxectos desde a colaboración, a escoita e a creación de redes.
“Territorio Contemporánea nace precisamente desa vontade de atoparnos”, sinalou Carballeda durante a súa intervención, destacando que a planta baixa funciona como “unha fotografía dun momento concreto”, o comezo dunha nova tempada e da diversidade de linguaxes, xeracións e propostas que conviven actualmente nas galerías da asociación.
A planta superior amplía ese territorio mediante oito novos diálogos entre artistas representados polas galerías e artistas da Colección ABANCA: Lara Pintos e Rubén Ramos Balsa; David Planas e Luís Gabú; Pedro Proença e Urbano Lugrís; Xurxo Gómez-Chao e Antía Moure; Carlota Pereiro e Berta Cáccamo; Alberto Odériz e Darío Basso; Florentino Díaz e Miguel Ángel Campano; e Iris Schomaker e Óscar Domínguez.

Estes encontros parten de traxectorias e miradas diferentes e buscan xerar conexións entre as obras, permitindo ampliar o contexto no que se presentan e establecer novas relacións entre a creación contemporánea e unha colección de referencia en Galicia.
Neste sentido, Carballeda destacou a función complementaria de galerías e coleccións: mentres as primeiras acompañan aos artistas, defenden os seus proxectos e xeran contextos para poñelos en contacto con públicos e coleccionistas, as coleccións contribúen a conservar, conectar e construír memoria. “Cando ambas as realidades se atopan, como sucede aquí, xérase algo que vai máis alá dunha exposición. Xérase contexto”, sinalou.

A colaboración entre ABANCA e Contemporánea estenderase ademais ao programa de actividades de ABERTO’26. O próximo 29 de outubro, o auditorio de ABANCA acollerá unha charla sobre coleccionismo con Javier Díaz Guardiola e Lorena Pérez Jácome, que permitirá abordar como se constrúen as coleccións, as motivacións que existen detrás do coleccionismo e o seu papel na construción da memoria artística dun territorio.
A mostra permanecerá aberta durante os próximos meses, prolongando a experiencia de ABERTO’26 máis alá das xornadas de apertura celebradas do 17 ao 19 de setembro. Deste xeito, Territorio Contemporánea incorpórase como unha nova parada dentro do percorrido dunha iniciativa que conecta galerías, artistas, institucións e públicos arredor da arte contemporánea producida e representada desde Galicia.
A mostra está coordinada por María Rivas e comisariada por Diego Cascón, director artístico da Colección ABANCA, coa participación de Fernando Filgueiras, coordinador da Colección de Arte ABANCA e da área de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional.
Para Contemporánea, esta segunda edición supón un novo paso nunha colaboración que busca seguir fortalecendo as relacións entre o tecido galerístico galego e as institucións culturais e coleccionistas do territorio, ampliando os espazos de encontro e diálogo arredor da arte contemporánea.